Patrocinador

Patrocinador
Patrocinador

miércoles, 31 de octubre de 2007

O TIO “JUAN”-PIÑEIROS-NARON

Un grupiño de amigos e compadres xuntáronse sobre de algo que lles andaba a volvoretear no maxín, non era outra ca de formar un equipo de fútbol, a idea medraba máis e máís ata non ser só un pensamento senón unha realidade; chamáronlle F.C.Piñeiros.
A súa sede que (eu recorde) topábase en Freixeiro, logo pasados os anos trocouse ao fronte do mesmo campo do Cadaval.
A esas primeiras persoas engadíronse máis e máis, chegando ao que é hoxe, un club da terceira división, iso si, noutro campo e con outro nome, que non é nin máis nin menos que o Narón Balompié; co mesmo espírito, simpatizantes e seguidores co que se fundou, renovándose xeración tras xeración e co as mesmas ganas de loitar como o primeiro día polo seu equipo, máximo representante ao día de hoxe do noso concello.
Chegar á "terceira" non foi doado, tras del, temos un monte de traballo de moitísima xente, desde os técnicos que loitan día a día por esa canteira, para que non se perda a calidade, deportividade e bo fútbol que practican, pasando pola escola de fútbol i equipos bases que soñan con xogar neste club(vamos a ser un pouco serios, soñar, soñan con xogar nun equipo da primeira preferiblemente Barca ou Madrid), e por suposto as xuntas directivas, (esas que sempre poñemos a parir, sen saber o gran traballo que de verdade realizan) socios e simpatizantes. Todos eles traballan e viven cada intre para que o Narón estea onde está ¡e quén sabe si algún dia algo máis!
Remontándonos un pouco atrás cando o Narón aínda era o Piñeiros e xogaba no campo do Cadaval (época na que eu era xogador neste equipo).Daquela nos atopábamos na segunda rexional, lémbrome agora dunha persoa moi querida, " O TÍO JUAN" para nós e para outros o Señor Juan, que “fose cal fose o tempo” non deixaba de ir ao campo para animarnos e aplaudirnos, nunca a criticarnos por moi mal que o estiveramos a facer.. Piñeiriños, Piñeiriños, ánimo que para o ano que ven seremos campión. Xa daquela andaba entre os setenta ou oitenta. Os seus amores deportivos eran dous, un o seu Piñeiriños e o outro ¡a ver si o adiviñades coa anécdota que vos vou contar! Tiña un pequeno rebaño de ovellas e todas tiñan un nome; PusKas, Gento, Pirri, Diestéfano; era o seu Madrid das Copas de Europa. A os carneiros máis malos poñíalles nomes de políticos, non vou poñer aquí os seus nomes para que ningún lector se moleste. El e moita xente, que cos seus ánimos, traballaron xornadas enteiras, fixeron do Piñeiros o Narón que é hoxe.
Algúns por desgracia xa nos deixaron(Paco sencillo, Lisardo, Julito Penedo, Vicente......)
O TIO “JUAN” cando nos atopábamos en segunda rexional, nunca se lle pasou polo maxín que hoxe estariamos na terceira ¡sabe Deus en qué categoría estaremos dentro duns anos! Os sonos non costan cartos.
Estas verbas, só tentan render unha homenaxe á xente que fai e fixo posible o PIÑEIROS-NARON.


MIGUEL CAMPOS